Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de abril de 2024

O Teatro Colón acollerá o 16 de maio o Concerto das Letras Galegas, no que se lembrará a Luísa Villalta cunha actuación do Grupo Instrumental Siglo XX

O Concello colabora co Consello da Cultura Galega na organización da actuación, que suporá a estrea de ‘Concerto para un home só’, peza do compositor coruñés Federico Mosquera, baseada na obra homónima de Villalta

O Teatro Colón acollerá o vindeiro xoves 16 de maio o Concerto das Letras Galegas 2024, unha iniciativa na que o Concello colabora co Consello da Cultura Galega, ao abeiro das actividades previstas en lembranza da escritora coruñesa Luísa Villalta, figura que protagoniza esta edición do Día das Letras.

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, participou hoxe no acto de presentación do concerto, acompañado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, a irmá da homenaxeada, Susana Villalta, e o director do Grupo Instrumental Siglo XX, Florian Vlashi.

Castro destacou o compromiso do Goberno de Inés Rey para impulsar "unha programación cultural acorde ao que representa o legado literario de Luísa Villalta para a cidade, pola súa implicación social e tamén polo fondo coñecemento que tiña da identidade dos nosos barrios, cuestións que plasma na súa obra". Neste sentido, o concelleiro incidiu en que a actuación do 16 de maio, que terá lugar ás 20.30 horas e será de acceso libre ata se completar a capacidade prevista, "terá, en clave artística e musical, un forte carácter coruñés".

O concerto será interpretado polo Grupo Instrumental Siglo XX, unha formación con case tres décadas de percorrido, dirixida polo violinista albanés Florian Vlashi -integrante da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) desde o ano 1992 e veciño da Coruña-, acompañado polo baixo-barítono coruñés Daniel Mosquera. O acto suporá a estrea oficial do 'Concerto para un home só', unha obra orixinal do compositor herculino Federico Mosquera, baseada na obra homónima de Luísa Villalta.

Na actuación interpretaranse, ademais, pezas dun referente histórico do Barroco como o italiano Antonio Vivaldi. Florian Vlashi e Carolina Cygan, como solistas, abrirán camiño na fase inicial do concerto, no que tamén terá lugar a estrea absoluta do 'Bachian reflex. Präludium und fugue' do albanés Edmond Buharaja.

Desta forma, no concerto renderase homenaxe a Antonio Vivaldi e Johann Sebastian Bach, a dous dos compositores favoritos de Luísa Villalta, que, ademais de escritora, tamén era violinista.

A Coruña acolle, por segunda vez, o Concerto do Día das Letras Galegas

A actuación do Grupo Instrumental Siglo XX prevista o vindeiro xoves 16 de maio será, na práctica, o segundo Concerto do Día das Letras Galegas que se celebra na Coruña, que xa no ano 2016 acolleu a homenaxe a Manuel María a cargo de Milladoiro.

Neste sentido, o concerto do vindeiro 16 de maio tamén se poderá seguir en directo a través da páxina web do Consello da Cultura Galega.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión