28 de abril de 2024
As achegas municipais permitirán financiar ata o 50% das obras previstas polos veciños e veciñas dos edificios das rúas Almirante Mourelle, Palomar e Barcelona
O Concello acaba de aprobar a concesión e aboamento de axudas para mellorar a accesibilidade en tres edificios correspondentes a comunidades de propietarias e propietarios nos números 57 da rúa Almirante Mourelle, os números 28-30 da rúa Palomar e o número 84 da rúa Barcelona, nos barrios da Agra do Orzán e o Ensanche.
Estas axudas foron solicitadas polas veciñas e veciños a través da pasada convocatoria municipal de subvencións para a conservación, mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade en edificios de vivendas, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey lles facilita ás e aos propietarios a posta en marcha das obras necesarias para garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida desde a vía pública aos seus edificios, así como tamén ás súas vivendas.
O importe subvencionable das obras chega ata o 50% do investimento total a realizar. Desta forma, o Concello contribúe así a facilitar a instalación de ascensores, a creación de ramplas que permitan salvar escaleiras nos portais e, en xeral, a mellora da accesibilidade en áreas comúns. No caso destas tres comunidades de propietarias e propietarios nas rúas Almirante Mourelle, Palomar e Barcelona, o Concello achega, no seu conxunto, un total de 89.980 euros, para facer fronte aos investimentos previstos.
O concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, puxo en valor esta liña de axudas "que lles permite ás comunidades de propietarios afrontar cun maior desafogo a execución dunhas obras moi necesarias para facilitar o día a día das veciñas e veciños nos seus espazos de residencia".
Ademais, o concelleiro fixo fincapé no compromiso do Goberno de Inés Rey de dar continuidade a este plan de axudas, "para impulsar melloras de accesibilidade en barrios onde, pola súa configuración urbanística, as datas de construción dos edificios ou as pirámides de idade, é importante facilitar este tipo de desenvolvementos para adaptarse ás necesidades das e dos residentes". Lage apuntou, por exemplo, os casos da Agra do Orzán e de Monte Alto.
O Goberno de Inés Rey destina 5 millóns de euros á mellora da accesibilidade nos barrios
A finais de decembro aprobáronse os Orzamentos 2024, nos que se destinou unha partida específica de 5 millóns de euros para acometer o Plan de Accesibilidade dos Barrios, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca atender as necesidades específicas de cada distrito da cidade neste eido, atendendo ás posibles melloras de infraestruturas e espazos públicos como as beirarrúas e os pasos peonís.
A isto súmanse, ademais, actuacións urbanísticas cofinanciadas con fondos Next Generation en barrios como Monte Alto e O Castrillón. No primeiro deles, o Concello acometerá os traballos de instalación das novas escaleiras mecánicas que permitirán salvar o desnivel existente entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo. As obras adxudicáronse o pasado mes de marzo.
Por outra banda, actualmente están en fase de licitación as obras de instalación dos novos ascensores que conectarán as rúas Pintor Villar Chao e Juan Montes, entre A Gaiteira e O Castrillón, unha intervención que tamén mellorará a accesibilidade nun enclave de forte pendente.
19 de mayo de 2024
16 de mayo de 2024
15 de mayo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible