Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de abril de 2024

Inés Rey: “Coa elaboración do Plan estratéxico 2030-2050, A Coruña afronta o seu maior desafío deste século: o da súa segunda gran modernización”

A alcaldesa e a directora técnica do Plan estratéxico, Isabel Pardo de Vera, reuníronse esta mañá en María Pita, no que foi o primeiro encontro de traballo ao abeiro da posta en marcha do plan

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá coa directora técnica do Plan estratéxico da Coruña 2030-2050, Isabel Pardo de Vera, nunha primeira reunión de traballo que tivo lugar no Palacio Municipal de María Pita e na que se abordaron as liñas de acción que marcarán a folla de ruta do Concello para o desenvolvemento e a dinamización da cidade nas vindeiras décadas.

Rey puxo en valor "a solvencia, traxectoria na xestión pública e entrega" de Pardo de Vera, "unha persoa sobradamente capacitada que asume o reto de acompañarnos neste Plan estratéxico para deseñar a Coruña que queremos para os próximos 25 anos. Somos unha cidade viva, atractiva e con grandes desafíos por diante", expuxo a rexedora.

A posta en marcha do Plan estratéxico da Coruña 2030-2050 foi un dos compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey nos Orzamentos Municipais deste exercicio. Neste sentido, consignáronse 200.000 euros para lle dar forma ao plan, un traballo que se levará a cabo no prazo de 30 meses e pivotará sobre tres eixes: dinamización económica, planificación urbana sostible e benestar social.

"Non só se trata de onde queremos vivir, senón do como. Do deseño da cidade, da integración do porto e o impulso ás novas formas de mobilidade. Do compromiso coas políticas de vivenda e benestar social. Da aposta polo fomento do emprego, a innovación tecnolóxica e a economía 4.0. A Coruña afronta o seu maior desafío neste século: a da súa segunda gran modernización", incidiu a alcaldesa.

A elaboración do Plan estratéxico 2030-2050, un compromiso de cidade en clave colectiva

Neste sentido, Isabel Pardo de Vera agradeceu a confianza depositada na súa persoa "nun proxecto que lidera Inés Rey, de todos e para todos", e recalcou que "estamos ante unha oportunidade para redefinir A Coruña que queremos". 

Pardo de Vera amosou a súa ilusión e responsabilidade "pola ambición desta iniciativa, un dos maiores retos do país e de Europa neste momento", e avogou por "pensar na sostenibilidade da cidade no seu conxunto", cun enfoque integral en clave social, política, medioambiental e de mobilidade, para chegar a un plan ordenado e alineado con todos os axentes da cidade.

A este respecto, a alcaldesa lembrou que o Goberno municipal buscará "que todos os sectores se sintan partícipes e representados neste plan". "Que nos acompañe o tecido social, económico e cultural desta cidade, diversa, aberta, vangardista e plural. E para iso contamos con Isabel Pardo de Vera, unha persoa cunha gran capacidade de diálogo e busca de consensos", apuntou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión